Torre das Sandiás

PLUS CODE (Localización): 47F4+5F O Castro, Sandiás -

Información

A Torre de Sandiás ou a Torre do Castro está no Concello de Sandiás. 

Hoxe en día só queda en pé parte da torre de homenaxe, na que se poden ver os seus grosos muros e a planta cuadrangular. Grazas aos seus restos ben conservados sábese como era a súa distribución: pódese albiscar que contaba con soto, tres andares e terraza. Dende o primeiro andar accedíase ao resto de andares por unhas escaleiras de madeira e o acceso á terraza superior facíase mediante unha escaleira interior no muro.

Está construída sobre un antigo castro, ao redor da primeira metade do século XII, aínda que aparece documentado por primeira vez en 1347, o que impide corroborar historicamente a hipótese da súa construción nestas datas. Esta zona elevada era un espazo estratéxico na vía de paso natural entre os vales do Limia e do Arnoia.

Levantouse para atender as loitas fronteirizas entre Afonso VII de Castela e León e Afonso I de Portugal que loitaban polo condado da Limia. Foi testigo de diferentes enfrontamentos e loitas nobiliarias. Foi asaltada e destruída polo Duque de Lancaster en 1387 con ánimos de reclamar o trono de Castela. Logo pertenceu a Alonso Pimentel, conde de Benavente e señor da vila de Allariz. Máis adiante no 1467 volveu ser destruída polos Irmandiños.

A súa ruina é Ben de Interese Cultural dende o 22 de abril de 1949 e pódese visitar libremente mediante acceso peatonal.

Fontes de información:
fronteiraesquecida.eu

Scroll ao inicio