Lagoa de Antela

Información

O pasado da comarca da Limia está marcado pola Lagoa de Antela, protagonista do grande complexo húmido da zona. A lagoa foi desecada nos anos sesenta do século pasado. Hoxe, entidades como a Sociedade Galega de Historia Natural, traballan para estudar e transmitir os valores naturais e tradicionais da comarca. 

A lagoa de Antela foi, historicamente, a zona húmida de maior valor ecolóxico de Galicia. En 1958 e coa finalidade de gañar terreos para a agricultura, deuse o comezo ás obras de desaugamento por parte da ditadura franquista. En 1964 finalizaron as obras principais de desaugamento. Estes traballos fixeron desaparecer case todo o valor ecolóxico da veiga. 

Tiña unha superficie aproximada de 3600 hectáreas que ocupaban os concellos de Xinzo de Limia, Sarreaus, Vilar de Barrio, Xunqueira de Ambía, Sandiás, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga e Porqueira –cinco deles forman parte do noso territorio–. Ocupaba uns 42 quilómetros cadrados e durante o inverno podía chegar a 7 quilómetros de largo por 6 de ancho. A súa desecación supuxo a destrución dunha zona de gran valor ecolóxico xa que coa súa desaparición tamén se perdeu o hábitat natural de moitas especies vexetais e animais. A vexetación autóctona foi destruída ou queimada co propósito de obter novos terreos para o cultivo e produciuse unha deforestación para facilitar a explotación dos novos terreos. Implantouse unha agricultura intensiva, destinada ao cultivo de pataca, o que provocou un empobrecemento dos solos que obrigaba ao uso indiscriminado de fertilizantes. A este problema engadiúselle a sequía dos solos. 

Na actualidade existen tentativas de compatibilizar a recuperación de humidais con outras actividades como a agricultura e a gandaría sostibles que xa existen no territorio.

Fontes de información:
sghn.org

Scroll ao inicio