Ermida de San Bieito de Uceira

PLUS CODE (Localización): 469G+M2 Novás, Allariz

Información

O San Bieito é un dos santos máis avogosos da comarca en relación ás persoas enfermas, coxas e sobre todo para aqueles que teñen “barrugas e espullas”.

Esta ermida, ubicada no concello de Sandiás, data de mediados do século XVII e adquiriu o seu aspecto actual no século XVIII. Isto coñécese grazas a unha inscrición dunha das paredes laterais da capela: “Hicose de limosnas de los devotos de San Benito, año de 1775”. Co paso do tempo tamén se foron construíndo alpendres e infraestruturas para romeiros e devotos, para poder celebrar as festas litúrxicas e as comidas.

A capela é barroca. Ten pranta rectangular dunha soa nave e cuberta a dúas augas.

No mesmo entorno está o Cruceiro da Ermida de San Bieito. Ten un pedestal de base cuadrangular. O varal é na base cadrado pero logo pasa a ser poligonal e xa no pé do capitel volve a ser cadrado. A cruz é latina e no anverso presenta un crucificado de tres cravos. O santeiro dispuxo as mans de Cristo pechadas e na parte superior aparece INRI. No reverso, sobre a peaña, a imaxe da virxe da Soidade cos dedos entrecollidos sobre o peito.

Neste lugar celébrase o San Bieito de Marzo o luns de Pascua e o San Bieito de Seitura, o segundo domingo de xullo, en referencia á época da sega. Na festa de romaría pódense ver pernas, brazos e corpiños de cera por persoas agradecidas ao San Bieito. Tamén se fai unha procesión para, despois da misa, comer na contorna.

Fontes de información:
sandias.es

Scroll ao inicio