Castelo da Picoña

PLUS CODE (Localización): V4RM+WG Calvos de Randín

Información

O Castelo da Picoña era considerado unha ubicación estratéxica a 932 metros de altura para defender o Couto Mixto e controlar Tourém e o Camiño Privilexiado que os unía. Estivo en poder de Portugal ata formar parte do Reino de España, ao igual que o Couto Mixto, co tratado de Lisboa no ano 1864. Está ubicado na Raia Seca, no chamado “Outeiro da Almena”, no Concello de Calvos de Randín. 

Foi construído nunha rocha granítica na marxe esquerda do río Salas. Hoxe en día só están visibles os alicerces e o alxibe do que foi, nalgún momento da historia, un importante conxunto defensivo. Esta fortaleza, que actuaba como cabeza das “Terras da Picoña”, foi construído por Alfonso de León no século X e foi Sancho I de Portugal o que lle concedeu a carta foral polo que pasou a ser considerado unha vila.

Foi destruído polas tropas de Castela en 1388 e erguida de novo ao pouco tempo por João de Portugal. Foi neste momento no que se construíron as murallas. Dooullo ao seu fillo Afonso V. Na guerra de Restauración portuguesa (século XVII ) o castelo foi novamente derruído por tropas de castela e non se volveu levantar.

Na actualidade, a Asociación do Couto Mixto e o Concello de Calvos de Randín promoven un proxecto para poñer en valor os recursos do Couto Mixto e do entorno, no patrimonio arqueolóxico medieval e nos restos da Picoña para poder definir os restos e os diferentes sectores da edificación.

A visita é libre pero débese facer seguindo as indicacións dunha ruta balizada. Para máis información pódese poñer en contacto co Concello de Calvos de Randín: 988 434 000.

Fontes de información:
fronteiraesquecida.eu
proxectopiconha.wordpress.com

Scroll ao inicio