Carballa da Rocha
Información
A Carballa da Rocha ou tamén chamada de A Saínza é un carballo –que en galego adopta o xénero feminino cando é un exemplar vello, de tronco voluminoso e copa moi desenvolta– de 6,90 metros de perímetro que deben tomarse a unha altura de 1,30 metros do chan. O tronco bifúrcase en dúas pólas para chegar a acadar os 33 metros de altura. Está no concello de Rairz de Veiga, no lugar Saínza de Abaixo e forma parte da Reserva da Biosfera Área de Allariz.
Tamén se coñece como Monumento Natural Carballa da Rocha e convive con outras árbores centenarias. Foi declarada Árbore Senlleira de Galicia e Monumento Natural o 1 de marzo de 2007. Nesta carballeira, celébrase cada 24 de setembro, unha recreación da batalla entre mouros e cristiáns e o ataque está considerado Festa de Interese Turístico.
Ten un bo estado de saúde. O acceso é libre e pódese acceder co coche ata o aparcamento do monumento. É unha zona de alto valor natural polo que se debe respectar a fauna e a flora evitando a contaminación acústica e residual.
Fontes de información:
turismo.gal
fronteiraesquecida.eu