Igrexa de Codosedo
Información
A Igrexa de Codosedo é unha igrexa románica situada á marxe esquerda da desecada Lagoa de Antela, ao pé do monte Talariño a uns 100 metros do núcleo do concello ao que pertence, que é Sarreaus.
Foi o único mosteiro feminino da Orde de Santiago en Galicia, aínda que a súa existencia foi moi breve (dende 1175-1180 a mediados do século XIII), pasando despois a ser tratado como unha igrexa independente da Orde e, a día de hoxe, é unha igrexa parroquial.
Deste conxunto monasteiral só se conserva parte da igrexa, de nave única, ampla e alta. Esta igrexa foi construída a comezos do século XIII. A pesar das transformacións ao longo dos séculos, conserva gran parte da súa esencia románica e representa unha testemuña moi valiosa da arquitectura medieval galega.
A igrexa mantivo o seu estado orixinal ata o século XVII, cando se levantou a torre no ángulo suroeste da fachada occidental. No século XVIII produciuse a substitución do ábside orixinal por un barroco de maiores dimensións. No século XIX a portada principal sufriu cambios significativos e na actualidade tres arcos semicirculares abocinados forman parte da fachada, cun tímpano semicircular que descansa sobre mochetas decoradas con motivos vexetais estilizados.
Aínda que as dependencias monásticas desapareceron na actualidade, as testemuñas históricas permítennos imaxinar a disposición orixinal do lugar.
Fontes de información:
romanicodigital.com
paxinasgalegas.es