O territorio

O territorio do Xeodestino A Limia, no sur da provincia de Ourense, está formado polos concellos de Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, A Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras e Xinzo de Limia

O noso Xeodestino ten historia, natureza e patrimonio cultural que se remonta séculos atrás. Todo isto é un elemento fundamental que define a identidade do territorio, ao que lle hai que unir a súa ampla biodiversidade. As planicies son o fogar dunha variada flora e fauna, incluíndo diversas especies de aves que converter a rexión nun lugar perfecto para o turismo ornitolóxico.

Unha parte significativa do territorio forma parte da Rede Natura 2000. Contamos con figuras de protección ambiental como: ZEPN (Zona de Especial Protección dos Valores Naturais) de Ponteliñares e Baixa Limia, ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves) da Limia e a Baixa Limia, Reserva de Biosfera Área de Allariz, Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés e Parque Natural Baixa Limia Serra do Xurés.

A Lagoa de Antela e as torres da Limia

O pasado desta zona está marcado pola Lagoa de Antela, protagonista do grande complexo húmido da Limia. A lagoa foi desecada nos anos sesenta. Hoxe, entidades como a Sociedade Galega de Historia Natural, traballan para estudar e transmitir os valores naturais e tradicionais da comarca.

A lagoa de Antela foi, historicamente, a zona húmida de maior valor ecolóxico de Galicia. En 1958 e coa finalidade de gañar terreos para a agricultura, deuse o comezo ás obras de desaugamento por parte da ditadura franquista. En 1964 finalizaron as obras principais de desaugamento. Estes traballos fixeron desaparecer case todo o valor ecolóxico da veiga.

Tiña unha superficie aproximada de 3600 hectáreas que ocupaban Xinzo de Limia, Sarreaus, Vilar de Barrio, Xunqueira de Ambía, Sandiás, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga e Porqueira. Ocupaba uns 42 quilómetros cadrados e durante o inverno podía chegar a 7 quilómetros de largo por 6 de ancho. A súa desecación supuxo a destrución dunha zona de gran valor ecolóxico xa que coa súa desaparición tamén se perdeu o hábitat natural de moitas especies vexetais e animais. A vexetación autóctona foi destruída ou queimada co propósito de obter novos terreos para o cultivo e produciuse unha deforestación para facilitar a explotación dos novos terreos. Implantouse unha agricultura intensiva, destinada ao cultivo de pataca, o que provocou un empobrecemento dos solos que obrigaba ao uso indiscriminado de fertilizantes. A este problema engadiúselle a sequía dos solos.

Na actualidade existen tentativas de compatibilizar a recuperación de humidais con outras actividades como a agricultura e a gandaría sostibles que xa existen no territorio. 

A Torre da Pena atópase no Concello de Xinzo de Limia. Foi abandonada seis séculos despois da súa construción, logo de tamén ser tomada polo Duque Lancaster, pasar polas mans dos condes de Monterrei e dos condes de Alba.  Ten aproximadamente 10,30 metros de lado e 20 metros de altura máxima. Ata metade do século XVIII mantívose en bo estado. Nela residía o xuíz e era empregada como cárcere. Despois de cumprir esta función, caeu en abandono. No ano 2022 fixéronse excavacións e traballos de acondicionamento cun circuíto con paneis informativos que explican as características principais do castelo.

A Torre de Sandiás ou a Torre do Castro está no Concello de Sandiás. Hoxe en día só queda en pé parte da torre de homenaxe, na que se poden ver os seus grosos muros e a planta cuadrangular. Pódese albiscar que contaba con soto, tres andares e terraza.

Está construída sobre un antigo castro, ao redor da primeira metade do século XII, aínda que aparece documentado por primeira vez en 1347, o que impide corroborar historicamente a hipótese da súa construción nestas datas. Foi asaltada e destruída polo Duque de Lancaster en 1387 e volveu ser destruída polos Irmandiños, polo que foi testigo de diferentes loitas. 

A Torre da Forxa está no Concello de Porqueira. Ata o século XIX a casa consistorial ubicouse aquí, razón pola que o seu estado de conservación é bo. No ano 1157 foi doada ao bispado de Ourense e tamén foi destruída polo Duque de Lancaster en 1387 e polos Irmandiños no século XV. Hoxe segue en pé a torre de homenaxe de 23 metros de altura e que se divide en sótano e catro andares.

O Couto Mixto

No Concello de Calvos de Randín temos o Couto Mixto. Este era un territorio independiente constituído do século XII ao XIX e localizado na zona fronteiriza entre Portugal e España. Tiña unha superficie de 27 quilómetros cadrados e aproximadamente 1000 habitantes. Este territorio mantivo a súa propia organización, á marxe do poder e a autoridade que exercían españois e portugueses. Comprendía a zona de Rubiás e Santiago no concello de Calvos de Randín e Meaus no Concello de Baltar. Era unha República Federal. 

Os seus habitantes estaban exentos de pagar impostos, non tiñan obriga de servir a ningún exército, podían elixir a nacionalidade española, portuguesa ou pertencer ao propio Couto Mixto e non podían ser detidos nin por españois nin portugueses. Esta situación favorecía ás actividades económicas e mesmo ao contrabando. Dispoñían dun camiño inmune á acción das gardas fronteirizas que comunicaba o Couto Mixto con Tourém, en Portugal.

En 1864, co Convenio de Lisboa, desaparecían os privilexios do Couto Mixto e este perdía a súa soberanía, sen realizar ningún tipo de consulta aos seus habitantes. Era unha terra moi pobre e con pouca riqueza polo que nin españois nin portugueses tiñan interese na zona, pero finalmente acordouse que pertencería a España.

Cada ano, o primeiro sábado de xullo celébrase un Acto Cultural conmemorativo na Igrexa Parroquial de Santiago de Rubiás.

Scroll ao inicio