Serra do Larouco
Información
No Concello de Baltar, no sur da comarca da Limia, está a área da Serra do Larouco. É unha gran formación granítica que supera os mil metros de altitude en varios puntos e chega aos 1535 metros no lado portugués, o terceiro cumio máis alto do país e a segunda do Portugal continental.
O relevo e as rochas da serra cóntannos unha historia que comezou millóns de anos atrás, concretamente a finais do Paleozoico, hai entre 380 e 280 millóns de anos. Nese período tivo lugar un evento de formación de montañas, a oroxenia Hercínica ou Varisca, que tivo como consecuencia a formación da Panxea. As cordilleiras tiñan o tamaño do actual Himalaia, sendo posteriormente erosionadas. Tras a rotura do supercontinente Panxea, o Macizo Ibérico, ao que pertence a Serra do Larouco, independízase e dá lugar ao actual núcleo da Península Ibérica. Dende entón, as rochas graníticas que conforman a serra seguen sometidas á exposición dos elementos, meteorizándose pola descomposición dos seus minerais. Estas rochas presentan fracturas sen desprazamento e os axentes externos como a choiva, o vento, o xeo… desgastan a rocha e actúan de xeito máis eficaz sobre ela, orixinándose unha peculiar paisaxe con formas que parecen creadas polo cicel dun escultor.
A fauna da Serra de Larouco está ligada, fundamentalmente, ao monte baixo e aos pasteiros existentes. Tamén atopamos algunhas especies propias de áreas forestais e tamén ligadas a hábitats acuáticos como os regatos. Ao longo do ano a comunidade faunística vai cambiando de tal xeito que na primavera e verán atopamos máis especies de aves. Neste caso, tres son os seus principais hábitats na Serra do Larouco: as pequenas áreas forestais, o mato e as áreas rochosas.
Fontes de información:
cualedro.es