Museo Galego do Entroido

376F+9H Xinzo de Limia, Ginzo de Limia

Información

O Museo Galego do Entroido (MUGAE), situado en Xinzo de Limia, é un espazo dedicado á conservación, difusión e posta en valor dunha das tradicións máis emblemáticas de Galicia: o Entroido. Xinzo de Limia é recoñecido internacionalmente polo seu Entroido, declarado Festa de Interese Turístico Internacional, e este museo xorde coa finalidade de preservar a súa riqueza cultural e patrimonial.

O museo ofrece unha viaxe a través da historia e da esencia do Entroido galego, con especial atención ao de Xinzo e á figura da Pantalla, personaxe central desta celebración. A exposición permanente inclúe unha colección de vestiarios tradicionais, máscaras e elementos característicos destas festas, amosando a diversidade e singularidade dos diferentes entroidos galegos: por un lado, personaxes peculiares como os cabezudos, os capuchos, o Loro Ravachol, o Felipeiro, etc, e, por outro lado, traxes dos personaxes máis coñecidos de Galicia como o Felo de Maceda, o Peliqueiro de Laza, o Cigarrón de Verín, o Vellarón de Rois, etc.

Ademais, o museo destaca polo seu labor divulgativo, organizando actividades didácticas, obradoiros e conferencias para achegar esta tradición a todos os públicos, desde escolares ata investigadores e turistas interesados no patrimonio inmaterial. O seu obxectivo é, non só manter viva a memoria do Entroido, senón tamén fomentar a súa continuidade entre as novas xeracións. A entrada ao museo é gratuíta.

O Museo Galego do Entroido convértese así nun punto de referencia para comprender a importancia desta festividade dentro da cultura galega. Grazas a este espazo, visitantes de dentro e fóra de Galicia poden mergullarse na tradición, simbolismo e evolución do Entroido, contribuíndo á súa valorización e proxección internacional.

Se desexas descubrir a historia e os segredos do Entroido galego, o Museo Galego do Entroido é unha parada imprescindible no teu percorrido por Xinzo de Limia e a comarca da Limia. O museo atópase na antiga Praza de Abastos e aquí tamén se pode atopar unha exposición permanente dedicada ao escritor Carlos Casares.

Fontes de información: laregion.es | web.turismoourense.com

Foto: web.turismourense.com

Scroll ao inicio